Ramón Otero Pedrayo viu a luz o día 5 de marzo de 1888 na rúa da Paz, con anterioridade dos Zapateiros, e na mesma casa na que catro anos antes nacera Vicente Risco.


Os pais de D. Ramón.











Foi o único fillo do doutor Enrique Otero Sotelo e dona Eladia Pedrayo Ansoar, pertencentes ambos os dous a vellas familias fidalgas. O pai, un coñecido médico ourensán, distinguíase polas súas ideas liberais que puxo en prácti ca en diversas ocasións. Así, cómpre salientar que máis dunha vez defendeu a Curros, condenado por algúns poemas incluídos no libro Aires da miña terra, obtendo ademais como deputado provincial unha subvención para a publicación da obra.

O neno criouse dentro dun ambiente liberal e culto, en contacto con avogados, médicos, políticos e tamén con persoeiros máis ou menos atoleirados, pero que sen dúbida deixaron unha pegada moi forte na configuración da súa personalidade.

Moitos destes persoeiros e os ambientes que frecuentou na súa infancia e mocidade aparecen reflectidos en moitas das súas obras, especialmente n’O Libro dos amigos. A infancia de Otero transcorreu alternando a vida na cidade con longas estancias en Trasalba, un vello pazo familiar do século XVIII.

Pazo de Trasalba.

En Trasalba o neno Ramón tomou contacto directo coa Galicia campesiña, familiarizándose non só coa paisaxe, senón tamén cos labores do campo, as matanzas e os xogos, por veces en compañía de Vicente Risco que subía ata a casa pacega convidado pola familia.
O ano 1898, cando contaba coa idade de dez anos, o noso autor ingresa no instituto, daquela chamado

“Centro Provincial de Instrucción”, coincidindo alí con Florentino Cuevillas. En 1901, en representación do alumnado xunto con Florentino Cuevillas, foi convidado a merendar por dona Emilia Pardo Bazán, mantedora dos xogos florais.

En maio de 1904 morre o seu pai, acontecemento que ha de condicionar a súa vida posterior a cabalo entre os seus estudos e as estadías en Trasalba acompañando a súa nai. Un ano despois dá comezo Otero Pedrayo os seus estudos universitarios, realizando por libre o curso de ampliación, decepcionado dunha universidade onde “todo era vellote e poeirento”. En setembro dese mesmo ano trasládase a Madrid e na súa universidade inicia as carreiras de Filosofía e Letras e Dereito que cursa con poucos azos e moito aborrecemento, xa que coidaba estar nun lugar tristeiro e mediocre, poboado por profesores “emocionantes pola súa extrema vellez”. Agás o primeiro curso, segue os estudos por libre preferindo os faladoiros e a biblioteca do Ateneo onde le moreas de libros sen gran criterio á hora de elixir, pero cos que vai acadar unha formación “moderna”, como escribe Carlos Casares.
Rematados os estudos, Otero retorna a Ourense para participar activamente na vida cívica e cultural da cidade xunto con Cuevillas, Vicente Risco e Primitivo Rodríguez Sanjurjo cos que coincide en inquietudes literarias
de xorne modernista. Traballan no Ateneo e collen sona de mozos rebeldes, raros e inadaptados pola exaltación que facían dos románticos e dos símbolos franceses. En 1917 este grupo de inconformistas funda a revista vangardista e teosófica La Centuria. Nas súas páxinas aparecen os primeiros escritos publicados de Otero Pedrayo, un relato breve, “La confesión del hombre culto” e unha carta. Pero os novos modernistas ourensáns amosaban unha absoluta indiferenza cara á literatura galega.
O ingreso de Otero Pedrayo no galeguismo foi debido ao labor proselitista efectuado por Antón Losada Diéguez, dirixente das Irmandades de Amigos da Fala e catedrático de Filosofía no instituto da cidade. Nas eleccións de 1918 as Irmandades presentan a algúns dos seus membros nas candidaturas rexionalistas, feito que actuou como estímulo dos mozos do grupo ourensán que contribuíron decisivamente a que a organización se convertese nun movemento nacionalista.

No mes de maio de 1919 gaña as oposicións a cátedras e incorpórase como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Burgos. No curso seguinte trasládase ao de Santander, onde coñece a María Josefa Bustamante Muñoz, coa que casaría no mes de agosto de 1923.

Desde o ano 1921, Otero Pedrayo, con destino xa na súa cidade natal, participa activamente nas asembleas das Irmandades, colabora nas revistas Nós, A Nosa Terra e outras publicacións, así como nas tarefas do Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923, no que dirixe a sección de Xeografía e no que máis tarde exercerá como presidente.

A súa carreira como escritor prolífico dá comezo, malia o seu propio escepticismo, grazas ao pulo de Losada Diéguez. Nun concurso organizado polo Seminario en 1924, consegue Otero Pedrayo o primeiro premio cun relato que significa a súa verdadeira estrea como escritor. Trátase do relato Pantelas, home libre que aparecerá publicado un ano máis tarde na colección Lar, na Coruña. Desatouse, como escribe Risco, a partir desta primeira obra a vocación literaria de Otero ata dar lugar a unha carreira como escritor delongada e profunda. En 1926 dá ao prelo O purgatorio de don Ramiro e despois, sen interrupción ata a Guerra Civil, unha boa parte da súa obra como narrador e ensaísta. No eido narrativo rexistramos títulos como Escrito na néboa (1927), Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930), Contos do camiño e da rúa (1932), Fra Vernero e A romeiría de Xelmíriz (1934), Devalar (1935) e O Mesón dos Ermos (1936).

A creatividade de Otero amósase igualmente noutros xéneros, especialmente no ensaístico. Abonda con amentar a Guía de Galicia e a Síntese xeográfica de Galicia, publicada en 1926, Pelegrinaxes, Romantismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal (1931), a peza teatral A algarada, sen esquecer as ducias de artigos publicados en obras colectivas, revistas e xornais e algunha obra en español como Ensayo histórico sobre la cultura gallega.

Este inmenso labor literario non lle fixo esquecer o seu compromiso co galeguismo político. En 1931, dentro do Partido Nazonalista Republicán que el mesmo fundara, foi elixido deputado, facéndose moi soadas e frecuentes as súas intervencións parlamentarias. A partir de decembro do mesmo ano, e xa no recentemente creado Partido Galeguista, concentra as súas forzas na loita polo Estatuto, plebiscitado en xuño de 1936, declarándose contrario, por razóns ideolóxicas, á alianza coas esquerdas, mais sen deixar –a diferenza do seu amigo Vicente Risco– de militar no PG .

O triunfo en Galicia dos partidarios da rebelión militar de 1936 converteu a Otero, igual que a tantos outros intelectuais, en vítima da barbarie. En agosto de 1937 foi dado de baixa como catedrático de instituto e, alternando entre o piso de Ourense e a casa de Trasalba, contempla como todo se derruba. Le e escribe abondosamente recorrendo a pseudónimos (Santiago Amaral, Luís Peñanofre, Juan Gallego) e prosegue coa súa obra literaria, agora en español, debido á censura. Deste período son tres novelas autobiográficas. Unha, Adolescencia, publicada e as outras dúas, Del noviciado al Ateneo, Al filo del río, extraviadas ou inéditas.

En 1947 viaxa por vez primeira a Bos Aires invitado polo Centro Galego para participar nas actividades do Día de Galicia e onde pronuncia múltiples conferencias nos dous meses que durou a súa estadía en terras americanas.

Un ano despois, en 1950, é reposto na súa cátedra do Instituto de Ourense. Con sesenta e dous anos, ten folgos para se presentar ás oposicións á cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago que gaña de forma maxistral, incorporándose ao claustro universitario da cidade compostelá. Foron anos moi ledos e felices en canto a vivencias persoais, arroupado sempre polo aprecio e a admiración de amigos e alumnos que vían nel, ademais da súa cultura universal, un paradigma de dignidade e comportamento ético.

No eido da escrita son así mesmo anos de intensa actividade. Colaboracións en prensa, revistas e múltiples publicacións das que soamente mencionaremos algunhas. La vocación de Adrián Silva (1950), unha novela en castelán, a biografía Juan Manuel Bedoya (1950), Polos vieiros da saudade (1952), a peza teatral humorística, O desengano do prioiro (1952), O libro dos amigos (1953), a escolma de relatos Entre a vendimia e a castiñeira (1957), Rosalía, un diálogo dramático escrito en 1959, pero publicado en 1985. Así como outros moitos textos inéditos, algúns deles publicados anos máis tarde en obras de recompilación, como Contos de Santos e Nadal (1988) e Sereno e grave gozo (1999). Ou libros de natureza híbrida como O espello no serán (1966).

Ese mesmo ano 1950, participa xunto con outros moitos galeguistas do interior na fundación da Editorial Galaxia, da que será elixido presidente do Consello de Administración. En 1958, xubilado xa da cátedra, retorna a Ourense e un ano máis tarde publica a súa derradeira novela, O señorito da Reboirana. En xullo de 1959 realiza a súa segunda viaxe a América. Invitado de novo a presidir os actos conmemorativos do Día de Galicia, é portador, así e todo, dunha misión moito máis delicada: limar diferenzas entre o galeguismo do interior e o do exilio, enfrontados ao redor da postura efectiva que cumpría adoptar perante a continuidade no poder do réxime franquista.

Manuscrito do derradeiro artigo do autor escrito dous días antes do seu pasamento.

Sen renunciar ata os derradeiros días da súa existencia á actividade intelectual que seguiu plasmando en artigos xornalísticos e deixando un considerable material inédito, don Ramón Otero Pedrayo fina en Ourense en abril de 1976.

Mensagem mais recente Página inicial