Son numerosos os fidalgos que aparecen nas páxinas do libro, deterémonos aquí na maioría deles menos en don Xohán, que por representar o “fidalgo tipo” estudaremos no apartado dedicado ao derrubamento da fidalguía.
O primeiro fidalgo que coñecemos é o pai de don Xohán. Podemos resumir en tres os trazos que se nos ofrecen deste home: a riqueza (exemplificada nos múltiples pazos e lugares), a inconsciencia (ao verter todo o viño para o goce dun neno), e a relixiosidade (na súa teatral derradeira comuñón axeonllado e cos brazos en cruz). Fronte a don Xohán, el representa os fidalgos de antes e completa o seu ciclo vital sen perder a esencia da caste.
Este mozo de dezaoito anos é a antítese do prototipo de fidalgo lanzal e garrido, de saúde precaria, “sempre moi maliño”, vén ser case que un neno indefenso. Vive sen vivir na casa brasonada dos arcos, onde afoga nunha atmosfera vella e case morta. Semella que a súa febleza fose unha consecuencia da endogamia da fidalguía no seu non se querer mesturar cos que non son da súa clase e neste sentido a Balbina vai ser a súa salvadora ao arrincalo dese ambiente no que se murcha. Este home que só coñecemos pola descrición que del fan o narrador e a Balbina carece de calquera tipo de entidade psicolóxica e vive sempre baixo os designios dunha muller, ben sexa esta a avoa ou a dona. Só ao final do conto dá mostras dunha certa evolución e independencia ao andar “coma un can tralas mozas” e ser “un dos derradeiros señoritos de aldea”. E para rematar co achegamento a esta personaxe non deixaremos de manifestar a nosa estrañeza por ter elixido Otero un fidalgo tan pouco representativo para reflectir esa pretendida comuñón do pobo coa fidalguía.
O señorito Paulos como exemplo de fidalgo novo vai ter o seu contrapunto no protagonista de Dona Xohana e don Guindo. Este mozo soñador de nobre estirpe seguindo os designios de seu pai emprende unha viaxe iniciática que o conducirá a tres fontes de coñecemento que van facer del un home adulto. A primeira fonte é a aprendizaxe directa da xeografía de Galicia e das diferentes formas de vivir que a propia xeografía condiciona representadas nos seus tíos e curmáns. A segunda fonte é o descubrimento do amor coa súa curmá de Sobrado. A terceira fonte e derradeira, e no conto a máis importante, é o contacto coa súa tía dona Xohana e coas “cousas marabillosas” que lle conta que o levan a comprender “a beleza sinxela do vivir das nosas aldeas” inseríndoo na idiosincrasia do ser galego por completo e para sempre.
No mesmo conto atopamos a don Guindo que malia dar nome á historia non se configura como unha verdadeira personaxe. Este fidalgo vello ancorado no pasado, que mesmo resultaría ridículo de non estar inserido na atmosfera máxica que rodea a dona Xohana, poderíase considerar un elemento máis do ambiente.

Mensagem mais recente Mensagem antiga Página inicial