Asistimos á narración da vida dun dos grandes personaxes de Otero, Don Xohán. Pasa por diante dos nosos ollos toda a traxectoria vital deste fidalgo desde neno (non habería ter máis dun ano, xa que aínda non fala), no ano 1835, deica a morte (por suicidio) nos “derradeiros do ano” 1900. Nela podemos observar como este home mimado pola fortuna vai perdendo inconscientemente todo o patrimonio herdado ata rematar na ruína máis absoluta, nuns tempos que teñen a aldea como protagonista e que se derruban coma el, deixando paso a unha sociedade totalmente diferente na que a cidade cobra protagonismo.
Ofrecemos a continuación unha táboa que dá conta da estrutura do texto. A primeira columna reflicte a orde cronolóxica dos feitos transmitidos; a segunda, a orde textual, e a terceira, que denominamos "episodios de escena", dá conta do que virían ser os núcleos temáticas nelas contidos.

Orde cronolóxica

Orde textual

Episodios da escena

7

1895?

O gran cazador enclaustrado

Ruptura narrativa

1

1835

A bodega do Ribeiro.

2

1845

A morte e enterro do pai.

A violación da rapaza.

3

1855

O home de Sar.

A vida bohemia en Santiago.

4

1865

A voda e os fillos.

5

1875

A morte de Soult, o can de palleiro.

Os malos amigos e os cambios.

6

1885

A ruína familiar na cidade.

8

1900

O outono do guerreiro.

O suicidio.

Se observamos a orde cronolóxica dos feitos, decatámonos de que se trata dun conto que comeza in media res (pola metade), o de Trasalba quíxonos adiantar unha imaxe deste fidalgo que quebra cos seus tiros a harmonía da mañá de primavera na rúa silenciosa. A continuación prodúcese unha ruptura narrativa, o narrador interrompe o seu discurso nunha especie de declaración de intencións.
"Imos lembrar agora en cadriños pequeneiros, feitos segundo as informacións dignas de confianza, a historia daquel señor”.
Denominamos escenas a cada unha das partes por unha motivación que xorde do conto mesmo; así lemos: “1835. Escena: grande bodega no Ribeiro”. Se ben é certo que esta fórmula non se vai repetir, non é menos certo que eses “cadriños pequeneiros” se asemellan a escenas teatrais perfectamente representables. De aí que falemos tamén de escenas para nos referir ás diferentes partes da historia marcadas por un salto temporal, indicado polo autor cronoloxicamente e con número en todos os casos agás no primeiro.
Normalmente vénse falando de que o conto está estruturado en sete escenas, mais nós preferimos falar de oito como de seguido imos xustificar.
Hai sete escenas que non presentan problema de localización temporal xa que están precedidas pola cifra do ano no cal se desenvolven (1835, 1845, etc.). A cuestión é como clasificamos o parágrafo co que se abre a historia e é aquí onde preferimos falar dunha escena independente. Se nos fixamos na localización espacial das diferentes escenas, decatámonos de que de 1835 a 1875 o ámbito xeográfico é o rural; pola contra, as escenas encabezadas polos anos 1885 e 1900 sitúanse no ámbito urbano. Pois ben, se atendemos a que ese primeiro parágrafo se insire na vida urbana do protagonista e ademais consideramos que por esa altura el é un "home rexo e vello", é doado especular que probablemente esteamos nun momento intermedio entre 1885 e 1900. Se a isto lle sumamos que a descrición ao longo do conto se fragmenta de década en década e que entre as dúas últimas escenas hai un salto de quince anos, consideramos que tampouco sería tan disparatado pensar que ese primeiro parágrafo se podería data pola altura de 1895.
Tamén debemos considerar que na primeira escena, ademais de apuntar ao ceo, o número de disparos é plural e hai un posterior xuízo de faltas, "unha disforme escopeta apuntou ao ceo, e pum, pum!!, os tiros fortes"; mentres que na escena derradeira só se produce un único disparo, "pegárase sinxelamente un tiro". Doutra parte, se relacionamos os primeiros disparos con aquel co que derruba o miñato, podemos pensar que se trata unha vez máis dunha forma de demostrar a súa rabia contida ou impotencia por se ver atrapado ou enclaustrado, o que supón un destino tremendo para el que sempre foi o amo dos espazos abertos da aldea.
A narración segue unha traxectoria ascendente ata o episodio do Soult que constitúe o clímax narrativo do conto por supoñer o momento de máxima gabanza do protagonista, e por indicar o final da etapa de prosperidade económica de don Xohán. De aquí en diante comeza o proceso de decadencia que o leva á ruína e o afasta do seu medio natural, para conducilo aos espazos limitados da cidade onde remata por se suicidar. Neste sentido, podemos afirmar que a estrutura é globalmente cerrada en canto a morte do protagonista supón o remate da historia.

Mensagem mais recente Mensagem antiga Página inicial