O pazo de dona Xohana non era rico como o dos tíos do Salnés, nin grande e severo como o das curmás da terra de Sobrado, nin elegante e un pouco desdeñoso coma o de meu pai, mais en agarimo e feitura leda non lle ganaba ningún. Soamente con miralo gozábase como se goza coa vista do primeiro salgueiriño verde na primavera, ou dunha solaina chea de colombros e espigas no sol do outono ou unha chuvia repentina, cando se vai de caza ou de a paseo, encol das xesteiras pulidas. Solaina orcelada, salas de treito baixo, avigado, con grandes banquetas de pés barrocos, nas paredes grandes cartas xeográficas do derradeiro dezaoito, coas exploracións de Cook e unha cruz no sitio onde foron comestos polos salvaxes os primeiros ingleses. Na cheminea non se acendía lume había moito tempo, pois dona Xohana quentábase na cociña cos criados, e non había xardín, soamente unhas carreiras de mirtos marelos de vellos e de seguida o grande pomar encostado en sucalcos, xuntados por escaleiriñas de pedra e arrodeado polo grande muro. Máis que pazo figuraba casiña de labramios e, con todo, o lugar que compuña coas casas dos caseiros, os pendellos e as cortes, o forno e a palleira, tiñan un aire de señorío en grande parte remanecido do sosegado vivir que mandaba na casa e nas angueiras: o carro, o can, as pitas, as criadas, as pombas, todo era vello, maino, doce, sen que un pulo de traballo, unha rifa nin unha dor viñera a crebar aquel serán de outono que se alongaba non se sabe de cantos anos. [...] E na casa reinaba unha marabillosa alegría, un optimismo que nin a maior velleza puidera turbar. Abondaba falar un instante con dona Xohana para se decatar da razón daquela felicidade.
Dona Xohana, pequeneira, graciosa, albela, co seu pano mantón e o seu peiteado antigo, os olliños vivos, camiñando lixeira e sempre choutando de conto en conto, de historia en historia, ollando o pasar das nubes dende as fiestras [...] era unha vella que non o parecía, e, ao revés de tódalas vellas, alegrábase coa chegada do outono sen medo ás reumas, nin ao bater das portas nas noites longas, nin as badaladas dos defuntos, nin ás mañás de xeada que dan ás vellas o desespero de se decatar da completa vellez do mundo. Por iso, chegado en boa sazón, fun acollido aínda co meirande agarimo.

‘Dona Xohana e don Guindo’


CUESTIÓNS
1. Localiza o fragmento no conxunto do conto.

2. Cal é o tipo de narrador que aparece no fragmento? Xustifícao con palabras do texto.

3. Explica os elementos textuais que nos sitúan no mundo do marabilloso ou onírico.

4. Que trazos fan de dona Xohana un ser extraordinario? Compáraa co resto de mulleres fidalgas presentes no libro.

5. O texto é fundamentalmente descritivo. Analiza os elementos que van configurando as descricións.

6. Relaciona o ritmo coas estructuras sintácticas predominantes.

7. Cales son os campos sémicos predominantes? Por que elementos está constituído cada un deles?

8. Analiza o papel da natureza no conto ‘Dona Xohana e don Guindo’.

9. Localiza o autor ou autores aos que o narrador fai referencia en ‘Dona Xohana e Don Guindo’ ao dicir “...loiras princesas que me levaban da man para ollar no fondo do xardín misterioso a rosa máxica das cen follas”.

10. Elabora unha disertación escrita sobre as ensinanzas que dona Xohana transmite ao seu sobriño.


Mensagem mais recente Mensagem antiga Página inicial