O Froitoso detiña o seu coche nas librerías de vello. Arrincaba as pastas de pergameo. Houbo un gran roubo nun arquivo. O depósito de documentos dun gran mosteiro foi roubado e transformado polo mago dos Pelamios. Tiña a casa e o leito pendurados e envolveitos en peles como un khan da Tartaria. Para el cazaban, canciños afeitos a elo, ratas e coellos, martas e donicelas, que as súas mans de unllas revoltas, xeadas farpas, esfolaban namentres nos beizos lucía un sorrir de demo cruel, só ledo nos chíos e berros da víctima. [...] Pero o Froitoso, xa touciñudo, criado e bo alumno da escola da noite, só era ditoso maquiando as mans impacientes.
[...] Para conquerir un certo permiso e choutar riba da sebe de aramios electrizados da lei, era preciso o ar dun xogo de bulsa, carteira, cinto e zapatos que non houbera outro na cosmópole resplandecente. A dona era loira, de vellos ouros de toxeira e torques. Había un pouco de desafío na pretensión.
Inda sen xogar unha fortuna, o Froitoso, unha e outra noite, cunha ou outra lúa, cumprira o seu desexo de hiena e cobra.
[...] O Froitoso dispúxose ao traballo como un grande cirurxián. Hai lámpadas como ollos na tebra das covas e hai sepulturas de vagantío como capelas. Decorreron anos denantes de saberse a verdade. Os tres corpos, a nai e as dúas fillas, raza do norte, estaban embalsamados. Tres fermosos mármores esfolados. Xeados mármores. Xeometría precisa. O reloxo contaba segundos, ningún baleiro. Todas as figuras xeométricas foron trazadas naqueles encerados. O candor era de luares de xaneiro apreixados nas mestas carballeiras do tempo. O silencio fixera brancor. Rodas e circunferencias e óvalos de ventres, cadrados de cadeiras, estrelas de ombreiros, fitas de brazos pendurados como ben deben pendurarse despois do xuízo as vontades dos desgraciados. O reloxo mesmo tivo medo e noxo. Non era tallar formas nun glaciar. O mesmo silencio fíxose albo. Mortiñas esfoladas, devoltas da paz e do ascetismo albo da Morte a unha figuranza de sufrir. Por aquela xeometría entrou a podremia nos fermosos corpos votivos. Namentres, os coiros, finamente traballados, devoltos ao sol, aos perfumes, á cobiza da muller, disfroitaban dunha alegría de sonámbulos. Díxose pel de alce collida no ventre da fermosa besta denantes da paridura. Da fermosa besta, Diana e alba sacerdotisa, xa rara no Canadá...

‘O estraperlista dos coiros’


CUESTIÓNS

1. Localiza o fragmento no conxunto do conto.

2. Cal é o tipo de narrador que aparece no fragmento? Xustifícao con palabras do texto.

3. Cal é actitude do narrador en relación á personaxe descrita? Localiza no texto as palabras que axuden a xustificar a túa resposta.

4. Como se transmite crueldade no texto?

5. Analiza o plano sintáctico. Que tipo de estructuras predominan? Explica a relación existente entre o tipo de unidades sintácticas e o ritmo ao longo do texto?

6. Cales son os campos semánticos predominantes? Por que elementos está constituído cada un deles?

7. Analiza os procedementos dos que se vale o autor para conseguir o cromatismo no texto.

8. Cal é a metáfora empregada no texto para se referir ao mundo da xustiza? Con que dúas metáforas se alude ás tres mulleres mortas? Localiza no texto a presenza doutras figuras estilísticas.

9. Que elementos do texto denotan a autoría dunha persoa culta?

10. Nunha breve disertación escrita explica a situación de Froitoso no conxunto da sociedade que describen os contos de Otero Pedrayo.


Mensagem mais recente Mensagem antiga Página inicial