Otero é un narrador que se desborda, que comeza o enunciado e se deixa levar por unhas cousas que conducen a outras. Isto é o que se coñece co nome de “estilo ramificado”, que poderiamos explicar de forma sinxela como aquel no que un núcleo presenta proliferación de complementos que se encadean. Vexamos un exemplo de estilo ramificado tirado de A criada:
“Sabía o xenio de tódalas señoras, as rarezas de tódolos solteiros con casa aberta, o que se guisaba en tódalas cociñas de leña e de carbón, os estilos de cada interior, onde mandaba o señor ou a señora, os despotismos das amas de cría, as preferencias dos antigos criados que inda dispoñen nalgunhas casas, o contido de tódalas cestas que ían da praza, o ciclo evolutivo de tódalas criadas segundo os seus remates: de criadas vellas, de casadas, de doncelas de hotel, de mozas da vida, de casadas cos amos viúvos ou solteiros serodios, sen contar as que volven a desaparecer na aldea e das que van para as Américas.”
Se nos fixamos decatámonos da extraordinaria lonxitude que pode adquirir a cláusula. Neste caso podemos apreciar ata nove complementos directos (dos cales sinalamos DET e NÚC) dependentes do PDO (Sabía). Períodos deste tipo correspóndense co que Ricardo Carballo Calero deu en chamar “estilo lírico” de Otero Pedrayo.
Noutras ocasións a cláusula redúcese drasticamente como vemos nesta breve pero ambiciosa descrición do fidalgo: “Gran neno mimado pola fortuna, polas mulleres, pola saúde. Ningunha emoción, ningún problema.” na que deixa paso a frases xustapostas a xeito de sentenzas. Este é o tipo de prosa que Carballo Calero denomina “estilo épico” de Pedrayo.
Debemos falar tamén das características impresionistas que adquire esta prosa sobre todo nas enumeracións de elementos que poden ser tanto de substantivos como de adxectivos: “Era bonitiña, riseira, pequeneira, graciosa”.
O texto enriquécese a miúdo coa presenza de abondosos símiles (figura estilística consistente na comparación entre elementos coa finalidade de que un facilite a comprensión do outro) que serven para alongar e amplificar a cláusula. Entre eles salientan especialmente aqueles referidos ao mundo animal: “despacharon o rianxo a unha regateira gata e desvergoñada como unha corza”. Noutras ocasións, tamén bastante numerosas, os símiles fan referencia a elementos da natureza: “cos ollos brillantes e a faciana colorada coma unha azucrada e doce pavía”. Ao carón dos símiles tamén atopamos metáforas (recurso estilístico mediante o que se identifica ou substitúe un elemento por outro en razón da semellanza entre eles) aínda que en moito menor número e que tamén decote se basean en animais: “Un dente de rato róelle no estómago” (que fai referencia á dor física experimentada por don Xohán).
Noutras ocasións será a hipérbole (recurso estilístico consistente na esaxeración desmesurada e que normalmente implica sátira) a encargada de ornar o discurso narrativo como se pode apreciar neste exemplo no que se salienta desmesuradamente o efecto negativo do estraperlista dos coiros: “Dixeron que nas feiras o seu ollar enfermaba as vacas”.
Pero un dos procedementos máis empregados polo autor será o da prosopopea ou personificación (recurso estilístico consistente en atribuírlle calidades humanas a seres ou conceptos que non o son), esta figura retórica típica da literatura popular fundamentalmente contribuirá a darlle o protagonismo á natureza que en Otero case ten entidade de personaxe: “O grande sol outonizo vén a render preitesía na porta ao viño poderoso”.
Non falta tampouco nestas páxinas o lirismo que por veces achega o texto ao discurso poético de carácter intimista como nesta cita procedente do conto de Dona Xohana e don Guindo: “Unha mañá deille un bico no colo espido de neve e sol e daquela quedoume nos beizos un labio de flor de magnolio, como lle queda aos cabaliños do demo que andan a bicar nas flores”.
Noutras ocasións máis que de lirismo propiamente dito falaremos de fragmentos de linguaxe poética inseridos na narración nos que salienta a función poética da lingua: “E vén o día, e vén a morte, e don Xohán, só el, non vén”.
E no seu achegamento á linguaxe poética Otero ofrécenos imaxes novidosas empregando con valores estéticos elementos léxicos alleos á tradición poética e que só coas vangardas serán obxecto de tratamento lírico. Tal é o caso do seguinte enunciado, “Unha néboa inverniza enterra a cidade doente nunha masa de algodón hidrófilo”, no que se identifican a néboa e o algodón hidrófilo.
A prosa dos contos de Otero amósase tamén especialmente rica na multiplicidade de sensacións especialmente olfactivas e sonoras. As sensacións olfactivas en moitas ocasións son desagradables e remiten á realidade urbana: “Chuvia nos vidros lixados. Fedor de colillas”. Doutra banda as sensacións sonoras van desde a evocación dos sons melodiosos da natureza protagonizados por ventos suaves ou árbores ata os tiros efectuados por don Xohán: “¡¡pum, pum!!, os tiros fortes, sonoros, bravos coma no monte”. E en Medicina legal os sons adquiren maior protagonismo ao se converteren en verdadeiros axentes da tensión narrativa que envolven o señor Venerando na noite.
Dentro das sensacións sonoras convén detérmonos na musicalidade presente na obra da que don Guindo ofrece un magnífico exemplo: “trouxera un violoncelo en cuxa delicada fábrica de finas madeiras aniñaban as sonoridades do bosque outonizo, os suspiros dos peitos das marquesas do Loire, de Versailles e de Schoenbrunn, o vibrar calado da góndola e a ardente melancolía do amor italiano”.
Outra característica salientable é o cromatismo, ese dotar de cores a realidade retratada que se manifesta especialmente nas páxinas de Dona Xohana e don Guindo onde a gama dos amarelos, ocres, laranxas e marróns atopa protagonismo nun ambiente cargado de decadencia a través do outono: “As primeiras peras, faguían unha pirámide de ouro maduro e nos tarros do doce requintábanse os vellos almibres co agarimo do quente outono”.
Dentro da obra oteriana atopamos alusións a outras figuras literarias galegas e ás súas obras. En O fidalgo o protagonista aparece caracterizado a través de vocabulario tipicamente pondaliano, e así as palabras reservadas para a figura do bardo (rexo, lanzal, guerreiro) diríxense aquí en varias ocasións á figura de don Xohán: “Cunha ledicia vagamente outoniza figuraba don Xohán unha torre antiga e lanzal onde aniñaran os paxaros da campía”. Mais Eduardo Pondal non é o único aludido, e así tamén atopamos referencias a Cabanillas e Rosalía.
Alén das referencias directas a autores e obras da literatura galega encontramos outros elementos que denotan o carácter cultista do texto como poden ser as múltiples referencias a acontecementos históricos (á desamortización de Mendizábal, ás loitas entre liberais e absolutistas, etc.) e a personaxes históricas (Nerón, dona Violante, Porlier, Don Miguel I de Portugal, etc.).
Outro trazo que caracteriza o seu estilo é a técnica descritiva de carácter cinematográfico na que a voz narradora nun proceso lento vai percorrendo unha traxectoria como se dunha cámara cinematográfica se tratase. Vexamos un exemplo desta técnica procedente de O fidalgo no que partindo dunha panorámica xeral e aberta (as luces da cidade) nos imos achegando (rúa escura) ata chegar ao espazo cerrado da taberna: “Don Xohán, asomado á fiestra, considera as luces da cidade na noite. A rúa escura fai unha volta. Máis aló hai un calexón e no calexón unha taberna soada polos bos callos que prepara”.
Para rematar coa análise do estilo podemos dicir que Otero Pedrayo organiza o seu discurso como os grandes construtores de catedrais erguen os seus monumentos. Igual que estes partindo de piares rexamente chantados no chan trazan infinidade de arcos que se atopan en bóvedas de crucería con rosetóns profusamente adornados, o ourensán adorna a súa expresión ofrecendo unha inmensa riqueza de matices que fan del un dos mellores prosistas da nosa historia literaria.

Mensagem mais recente Mensagem antiga Página inicial