Esta unidade didáctica pretende ser un achegamento xeral á persoa de Don Ramón Otero Pedrayo e un estudo polo miúdo da súa obra O fidalgo e outros relatos dirixido ao público en xeral e máis concretamente ao alumnado de segundo curso de bacharelato.
A escolla desta obra obedece a varios criterios:
Buscábase un texto que se puidese adaptar a diferentes disponibilidades temporais. Neste nivel académico a temporalización cobra maior importancia ca noutros e pareceunos importante o feito de que neste caso ben se pode estudar a obra enteira, un só relato ou varios segundo se desexe.
Queríase tamén que o texto puidese ser representativo ou ben do Grupo Nós, ou da sociedade do primeiro terzo do século XX. Neste sentido esta obra semellaba especialmente indicada en canto dunha banda é froito da man do principal narrador galego do momento e doutra banda recolle as transformacións sociais producidas en Galicia no cambio de século con especial atención ao derrubamento da fidalguía.
E por último tamén era necesario que a obra se puidese encadrar comodamente no programa e na temporalización do segundo curso de bacharelato. Neste sentido pareceunos unha obra moi apropiada para ser traballada no primeiro trimestre do curso por ser nese momento cando se estudan tanto as transformacións sociais como a literatura do primeiro terzo do século XX.
A unidade parte de que se vai efectuar unha lectura completa do libro, e en función disto vaise achegando ao estudo tanto do autor como de diferentes aspectos da obra.
Nos diferentes apartados pódense atopar referencias concretas a cada un dos contos ou aos máis relevantes en cada aspecto.
Ademais deste estudo que guía ao lector para unha maior comprensión da obra ofrécense cinco propostas de análise como prácticas para o alumnado.
Cada proposta consta dun fragmento dun dos contos do libro e unha serie de preguntas relacionadas tanto co texto escolleito como co resto da obra. As cuestións abranguen o estudo de diferentes aspectos literarios formais así como tamén inclúen en cada unha das propostas unha actividade consistente na elaboración dunha disertación escrita que requira dunha reflexión sobre o lido.
Achéganse tamén na unidade o texto íntegro de O fidalgo e as fontes de documentación máis básicas.
Estrutura da unidade
I. Datos bio-bibliográficos
III. O argumento e a organización estrutural
V. Os ambientes, espazos e obxectos